Da utilidade das canas

AROUSA

Avelino Ochoa

Na abandonada vida rural agraria, todo tiña proveito, os vexetais sempre cumprían unha función

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das características da abandonada vida rural agraria, aparte da de tratarse dunha economía circular —practicábase sen ter escoitado nunca tal denominación—, era a da utilidade: todo tiña proveito, valía para algo. Esa afirmación non ten nada que ver co consumismo actual, senón que máis ben puidera relacionarse co illamento ou coa pobreza. Non o sei, pero era así: nada había inservible, todo tiña unha razón de ser. Particularmente, os vexetais sempre cumprían unha función. Un exemplo son as canas (Arundo donax). É unha planta que precisa lugares con auga e crece e renace unha e outra vez desde o rizoma, que pode alcanzar varios quilómetros de lonxitude. Hoxe ningún mozo repara nelas, nin se imaxina a súa utilidade, porque agora medra en desmontes ou recheos húmidos como unha matogueira máis e é difícil de erradicar. Está declarada a nivel internacional planta exótica invasora e nas Canarias quedou completamente prohibida e con orde de ser arrincada. Así que para estes tempos é unha mala herba, pezoñenta e perseguida. Non sempre lle ocorreu así porque antes foi cultivada e cada casa debía posuír un beiral onde plantala para cubrir diversas necesidades. Chegou de Asia, din que alá polo século XV, para ser empregada nos emparrados das viñas. Foi ampliando a súa utilidade: sebes, estivadas, teitos, soportes para cultivos. Como non: tamén vai asociada á miña infancia e recordo diversos usos. Eran o propio para facer xoguetes, entre eles carros, —así se chamaba a unha vara de cana na que ía introducido un pau en Y que guiaba un eixe con rodas—. O eixe tiña que ser de amieiro, —en San Vicente dise amieira— o preceptivo para os carros de vacas. As rodas eran de cortiza, de aparellos, recollidas nas praias: cando empezaron a verse camións de varios eixes, en vez de dúas rodas, púñanse catro ou seis. A cana empurrábase co ombreiro e botábanse carreiras a ver quen dominaba mellor e máis rápido este enredo. Tamén se facían asubíos e frautas, aos que dificilmente eramos quen de sacarlle algunha nota acaída. Por outra banda, as canas eran imprescindibles no ritual da matanza anual. Facían falta polo menos dúas ou tres. Íanse cortar e limpar no día anterior e despois de matar o porco, chamuscalo con fentos, quitarlle os cascos dos pezuños, levalo ao banco de matar, colocalo patas arriba, abrilo e extraerlle todas as vísceras, colgábase pola cabeza. Para facilitar a desmembración utilizábanse cachos de cana afiados en punta, que se ían atravesando paralelos desde o pescozo ata as patas traseiras para manter aberto e aireado o canal. Outra das utilidades desta planta era para cana de pescar. Só servían grandes exemplares de entre catro e seis metros, porque valían para a pesca, maiormente de lábridos, desde terra. A tanza atábase nun dos nós un pouco máis alá da metade da lonxitude e íase envolvendo ata a punta onde se enleaba unha boa parte para poder utilizala a diversas profundidades. Para madrenlas e peixes de laño, empregábanse vimbios. A cana común pronto deixou de ter este uso cando empezaron a verse as canas indias, que era como se lle chamaba ao bambú —penso que Phyllostachys nigra— porque resultaban moito máis flexibles, resistentes e sensibles. A figura do pescador de cana volvendo á casa debuxábase con ela polo ombreiro e, pendurado sobre o lombo, o cesto de pescar. Non facía falta preguntar se traía ou non unha boa caldeirada porque se o cesto se movía dun lado ao outro con lixeireza era que traía calote, e se viña pesado e firme, o pescador tivera sorte ese día, aínda que, como traer fartura era motivo de orgullo, os máis fachendosos enchían o cesto de bocho, se o día non se dera ben. E, si, o cesto de pescar, feito de vimbios, era cesto e non cesta nin canastro. Xa o dixen aquí: a Real Academia Galega non distingue uns doutros, aínda que o Alonso Estravís, si. Non é o mesmo, que va, cesto que cesta, nin canastro que canastra. E o de pescar, con aro e paredes inclinadas cara dentro, era cesto. A cana, os vimbios: todo era útil, todo tiña proveito.